Mostrar mensagens com a etiqueta munditaçoes2. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta munditaçoes2. Mostrar todas as mensagens

5 de fevereiro de 2012

clímax

(foto: carlos silva)

***



Hai baixo as pálpebras de carbón
un mar de amargura diluído nas meniñas
que voan na soidade dun ceo toldado
cara un horizonte incendiado de esperanza
onde o sol prende insolente unha lareira,
lume de áurea nun sorriso que arde,
que lanza en coraxe a súa dentaina de escume,
que brinca incesante de ondaxe en bravura
contra os seres de area que soñan coa lúa chea.

Hai un mar salvaxe de inmensidade plena
que enche mareas crispadas de escume,
avanza imparábel co vento dos tempos
e asalta en cada avance un aturuxo.

Hai un mar que ama, en combate
coa mesma ilusión que no horizonte desafía.

*

Alfonso Láuzara 





1 de fevereiro de 2012

a calcinación da torrada

(foto: carlos silva)

***


a calcinación da torrada
verquendo frangullas sobre o leite aínda morno
que sosterá da salgada ferruxe das mareas

as engurras das mans
o xabón até os pulsos espidos
a auga a correr
conformando o manto proletario

aló
    o mar
tan perto e tan lonxe
dende os cumios de ferro
os guindastres dos que desprenderse e caer
espirse da calor do lume da soldadura
do contacto da pel núa sobre o ferro candente
e máis
un petisco
    no alto
observando como o sol apaga o océano

*

Alberte Momán