3 de março de 2012

transparencia

(foto: carlos silva)

***

Transparencia

Aí asinamos as novas condicións
e o friso era un mosaico de cerdeiras mortas
aos pés a vertixe negra de formigón e centeo
baixo o verde das náuseas o baleiro
os legóns alicerzaron o sólido teitume
arrodea a pedra fita unha mámoa fluorescente
fóra da nada nada pode verse
a arquitectura estuda as muradellas con razón tenebrosa
e volven as gavelas dos servos que habitaron pirámides
no recanto máis grave da esfera
danse campos de estrugas e searas subterráneas
sementadas de feridas brancas
a besta ten a arca do peito transparente
e nada pode verse
habita múltiples andares a nostalxia
desprega o seu poder en ángulos crebados
coma unha lesma de limo no fígado do río
é a prisión
a metáfora dunha era que arela fugas en forma de trapecio
a prisión transparente
o lugar de onde o aire escapou e deixou relva morta
un rastro policromado de pole velenoso

***

Sem comentários:

Enviar um comentário